Tradutón Xela Arias

Nas Irmandades do Dado, queremos ver cantos novos materiais de rol traducidos ao galego somos quen de xuntar durante este mes de maio de 2021. Anímaste a colaborar neste tradutón?

Onde vai acontecer isto?

O centro de actividade desta tradutón (maratón de traducción) será a canle #obradoiro do noso discord. Alí podemos enviar ou pasar ligazóns para os materiais xa traducidos, falar dos problemas e frases difíciles que vaiamos atopando, buscar colaboración para traducirmos entre varias persoas, procurar ideas… O que sexa!

Ao rematar o mes, porén, tentaremos xuntar todos os materiais para que sexan sinxelos de baixar e usar en todas as partidas futuras de rol en galego. Colgarémolos en aberto na nosa web e figurarán na nosa canle #recursos-rolegos.

Non sei eu se o saberei facer ben…

Non te preocupes! Na canle #obradoiro do noso servidor podes pedir axuda ou revisión ao resto de participantes. E tamén ofrecer a túa axuda a quen a precisar! Trátase dun esforzo comunitario, non estamos para xulgar a ninguén, senón para pularmos entre todos e todas!

Quero, pero non sei que traducir!

Calquera cousa de rol! Iso inclúe, por exemplo:

  • bloques de estatísticas de monstros
  • fichas e cartillas de personaxe
  • aventuras breves (ou non tan breves!)
  • personaxes prexeneradas
  • reglas de xogos
  • axudas para a dirección e o xogo
  • artigos da Wikipedia
  • etc.

As únicas dúas condición son: (1) que sexan contido roleiro e (2) que sexan materiais de licenza aberta, é dicir, que permitan a súa tradución (sen ánimo de lucro). Se tes dúbida sobre se unha obra cumple esta segunda condición, podes consultar no servidor. E se aínda así non se che ocurre que traducir, algúns medios con licencia aberta como o fanzine Crisis Creativa (en castelán) ou o blogue Bastión Rolero (en castelán), xa nos ofreceron os seus materiais para seren traducidos.

Como vos deu por aí?

O rol en galego crece con forza, pero aínda precisa de moitos materiais. Aínda que hai materiais escritos orixinalmente en galego, moitos dos nosos xogos favoritos foron escritos orixinalmente noutra lingua, e tamén queremos poder a xogar a eles, va que si?

Ademais, o Día das Letras 2021 está dedicado a Xela Arias. Non só foi unha destacada escritora, senón tamén unha pioneira tradutora. Alén das outras actividades que se levan a cabo na nosa comunidade co gallo desta data, con esta maratón queremos homenaxear á súa figura e labor de xeito máis particular.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario