Mudas no servidor!

Movemento en Vas Dado, galegoxogantes! Como parte da nosa nova etapa, e grazas a incorporación dunha nova colaboradora (@Jes_MB en Twitter) ao equipo de traballo, en Vas Dado realizamos mudanzas importantes. O obxectivo: facer o servidor máis noso –de todas as persoas que xogamos ao rol en galego–, pero tamén máis acolledor e máis útil. Incluso o nome está na palestra! Ademais, dentro dun mes será o Día das Letras, día da nosa lingua, e tamén temos actividades preparadas. Desexa saber máis? Comezamos!

Cambio de nome!

Aínda que lle temos collido moito cariño, «Vas Dado» naceu como nome de traballo e ten os seus defectos (as connotacións negativas); pero, sobre todo, foi elección do equipo de traballo que comezou o proxecto. Sempre foi o obxectivo poñelo en mans da comunidade. Agora que xa somos un bo grupiño, que o Día das Letras asoma no horizonte, e que aínda non é demasiado tarde, é o momento de facer a elección. Para iso, faremos o seguinte:

Ata o día 20 de abril (este martes!), toda a xente que entre en Vas Dado poderá deixar na canle #mudanzas-no-servidor as súas proposta de nomes. Temos xa unha morea deles e xa podedes velos! É a vosa oportunidade de contribuír a esta gran tormenta de ideas.

Do 21 ao 24 de abril (do mércores ao sábado), será o momento da votación. Para iso, temos unha canle exclusiva, #vota-o-noso-nome, onde poderedes votar eses días, por medio de emojis, por todos os vosos nomes favoritos, sen límite! Non podedes faltar! Cantos máis sexamos, máis noso será o resultado.

O sábado 24 pola noite faremos o reconto e veremos cal foi o nome gañador. Así, poderemos encarar as actividades do Día das Letras baixo a nova denominación.

Non deixedes pasar esta oportunidade de facer máis voso o servidor!

Reformas no servidor

Ofertas de partidas externas

En Vas Dado, queremos que o noso servidor sexa un espazo seguro, un lugar onde a xente poida xogar e interactuar sabendo que haberá respecto e bo rollo. Este é fin da nosa política de moderación, e por iso tamén restrinxíamos as ofertas de partidas a aquelas onde puidésemos garantir ese clima; é dicir, ás do servidor. Sen embargo, por iso moita boa xente, que prefire outras plataformas distintas de Discord ou ten outros servidores, non podía ofrecernos as prazas das súas partidas en galego. Dende agora, esas partidas poderán ofrecerse, nunha canle propia, #partidas-de-fóra. Quen ningunha partida aberta en galego quede sen o seu lugar en Vas Dado!

Máis canles de conversa

Queremos que Vas Dado non só sexa un lugar onde organizar partidas de rol, senón tamén un punto de encontro onde todas as persoas galegofalantes podamos falar de rol, da nosa terra (tan pouco coñecida a veces), e de calquera cousa, e facer comunidade. Con este fin, pasamos de unha a seis canles de conversa distintas: a de charla xeral de rol, a de compartir experiencia e cousas roleiras, a de discutir e axudarnos sobre sistemas e ambientacións, a de compartir e falar de cousas de Galicia, a da parola sobre calquera tema, e a de memes e parvada varias. Vide e conversade a gusto!

Facilidades para dirixir

Queres dirixir unha partida no servidor? Agora é máis doado que nunca, e tes dúas opcións: usar as nosas salas públicas de voz e a nosa canle de roladas, para o cal non precisas nada máis que aparecer por alí e facelo, ou ben pedirnos canles privadas (unha ou as que precises, incluso unha categoría enteira!).

Axudas e recompensas por dirixir no servidor

Se dirixes dentro do servidor, terás toda a nosa axuda non só a hora de crear as canles privadas que precises, senón a crear roles específicos ou implementar bots, e axudarémoste tamén a atopar persoas que queiran xogar dándolle difusión no noso Twitter á túa partida mentres queden prazas libres.

Pero non só iso: ao dirixir no noso servidor, a túa partida será celebrada no noso Twitter, aparecerá referida nos nosos resumes mensuais (neste mesmo blogue), e serás distinguido no servidor mediante o título honorífico de «Moi Honorábel», que fará que o teu nome saia destacado na lista de users, así como mediante outros títulos honoríficos que recoñecerán as túas achegas (número de partidas dirixidas, número de obradoiros e charlas organizados, xornadas nas que contribuíches, etc.). Un clube de honra para todas aquelas persoas que construídes a comunidade galegoxogante de Vas Dado.

Actividades do Día das Letras

Un servidor dedicado 100% ao rol en galego non podía faltar a unha cita tan importante como a deste 17 de maio. A nosa intención é contribuír á celebración das nosas letras, e por iso imos celebrar as Xornadas do Día das Letras, que seguirán o formato habitual neste tipo de eventos: primeiro, unha etapa de recepción de partidas; segundo, unha etapa de inscrición de xogantes, e terceiro, os propios días de xogo, a fin de semana do 15 ao 17 de maio. Pronto poderedes saber máis.

Ademais, xa que neste 2021 o Día das Letras está dedicado a Xela Arias, insigne tradutora, a outra actividade é un maratón de tradución roleira. Durante todo o mes de maio, invitámosvos a compartir no servidor calquera material roleiro que traduzades ao galego, por pequeno que sexa: unha axudas de xogo, un obxecto máxico, unha personaxe prexenerada, a descrición dunha criatura, un escenario, un módulos, sementes de aventura… Calquera cousa escrita por outra persoa noutro idioma e non traducida ao galego, e sempre que sexa legal compartila. Todo o que sexa publicábel será compartido neste blogue, recoñecendo o voso traballo, así como na nosa canle #recursos-rolegos, e incluso cabe a posibilidade de que o reunamos todo nun pdf que levar convosco. Estade atentes!

Outras actividades

Ademais destas actividades polo Día das Letras, e das partidas ordinarias, seguimos pensando en novas actividades coas que dinamizar a comunidade. Unha delas será a realización de meses temáticos, dedicados a diferentes sistemas, xogos, ambientacións e xéneros (por exemplo: D&D), e durante os cales promocionaremos as partidas que ofertedes e os materiais que compartades relacionadas coa temática do mes. Unha boa excusa para coñecer novos xogos!

Suxestións? Comentarios? Preguntas?

Finalmente, queremos animarvos a participar máis activamente e a traer as vosas partidas en galego ao noso servidor, pero tamén a que nos digades como mellorar. Para facelo, tedes moitas vías: Twitter (@VasDado), este blogue, o noso mail (vasdado arroba gmail.com), o servidor… Tedes en mente máis reformas que podamos levar a cabo no servidor? Contádenolas! Ocórrensevos máis actividades para facer co galo do Día das Letras? Outras actividades? Non dubidedes en comentárnolo! En Vas Dado, e no equipo de traballo de Vas Dado moi especialmente, somos todo oídos. Esperámosvos no servidor!

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario